O psicólogo social Sergio Vila Tojo identificou na súa tese doutoral os factores psicolóxicos implicados na aceptación pública da reutilización das augas residuais. Este traballo, de carácter multidisciplinar, desenvolveuse en CRETUS, dentro do grupo de investigación Comportamento Social e Psicometría Aplicada (COSOYPA) e foi dirixido polos profesores José Manuel Sabucedo e Elena María Andrade ambos do Departamento de Psicoloxía social, Básica e Metodoloxía.

A escaseza de auga e de alimentos derivadas do cambio climático son un problema en crecemento, que xa afecta a un número importante de países. A reutilización de augas residuais pode servir de solución a esta problemática dado que permite: (a) reciclar a auga para fines como o regadío de cultivos ou tirar da cisterna e (b) empregar o fósforo contido nas augas residuais para elaborar fertilizantes. Pese as vantaxes e seguridade desta solución tecnolóxica, a poboación manifesta importantes reticencias ata o punto de ter que paralizar proxectos pola oposición cidadá.

Neste sentido, a tese busca entender as motivacións das persoas para aceptar ou rexeitar a reutilización de augas residuais. Identificáronse, mediante enquisas e grupos de discusión, cinco factores psicolóxicos relevantes para aceptación. En primeiro lugar, o diagnóstico do problema ambiental. E dicir, a ameaza que perciben as persoas sobre a escaseza e a quen lle atribúen a responsabilidade desa situación. En segundo lugar, a percepción da solución que abarca os riscos, costes e beneficios percibidos da reutilización das augas residuais e a confianza depositada na comunidade científica. En terceiro lugar, froito desas percepcións desencadearanse reaccións emocionais como o orgullo, que facilitará a aceptación, ou como o noxo, vinculado ao rexeitamento. En cuarto lugar, identificouse a relevancia da influencia social. As persoas somos sensibles a distintas fontes informativas (como a ciencia) e normativas (como a opinión da maioría) que regulan a nosa forma de pensar e comportarnos. Por último, destacase a importancia da influencia axiolóxica. A defensa da natureza como un valor central da nosa identidade pode axudar a que as persoas perciban a reutilización da auga como una solución ambiental eticamente aceptable. Nese caso desencadearase un sentido de obriga moral a aceptar o seu uso.

A identificación destes factores supón unha maior comprensión do proceso psicolóxico subxacente da aceptación da reutilización das augas residuais. Dita comprensión constitúe unha ferramenta imprescindible para gobernos e empresas promovan esta solución tecnolóxica aos problemas de escaseza de auga e alimentos. Ademais, os achados da tese recordan que a tecnoloxía pode estar deseñada para servir a sociedade, pero a sociedade debe percibir que esa é a súa función. Neste sentido e preciso incorporar á cidadanía no proceso de toma de decisións dende o inicio o que facilitará a creación de marcos compartidos sobre problemática ambiental e a solución.

A tese pertence ao programa de Procesos Psicolóxicos e Comportamento Social da USC e desenvolveuse no marco do proxecto Europeo Run4Life financiada polo programa Horizonte 2020: «O proxecto busca estratexias para mellorar a recuperación de recursos das augas residuais, utilizando un enfoque descentralizado no que as augas negras (augas residuais dos inodoros), as augas grises (outras augas residuais domésticas) e os residuos orgánicos da cociña, recóllense por separado».

A investigación doutoral viuse reflectida en varias publicacións nas revistas científicas internacionais máis destacadas como Water Research ou IJERPH, así como en comunicacións de congresos internacionais organizados por relevantes sociedades científicas, tales como a Sociedad Científica Española de Psicología Social (SCEPS), a International Association for People-Environment Studies (IAPS) o a International Water Association (IWA). Dentro das actividades da súa tese, Sergio Vila Tojo, tamén levou a cabo colaboracións con outros centros de investigación internacionais como o Centre for Climate Change and Social Transformations do Reino Unido (CAST).

Noticias relacionadas:

Share This