O traballo do investigador Álvaro Fernández Braña tivo coma obxectivo estudar como o sistema de tarificación dos residuos urbanos inflúe nas actitudes da poboación no relativo aos seus hábitos de xestión de residuos. A súa investigación desenvolveuse no ámbito do proxecto europeo LIFE PAYT baixo a dirección da profesora Célia Dias Ferreira da Universidade Aberta (Portugal) e o Investigador de CRETUS e profesor, Gumersindo Feijoo da USC. Este proxecto experimentou a implementación en cinco localidades do sur da Europa –no Chipre, na Grecia e máis en Portugal– dun sistema de pagamento dos residuos de tipo variábel, é dicir: en función da cantidade producida.

Os sistemas de pagamento do servizo de xestión de residuos que están desligados da súa xeración, teñen un efecto desincentivador cando se trata de adoptar prácticas máis sustentábeis neste eido: non existe recompensa a quen menos lixo produce. Proba diso é que as porcentaxes de recolla selectiva de materiais reciclábeis tenden a ficar invariábeis nos últimos anos. Tórnase preciso, pois, atopar unha maneira efectiva de responsabilizar á cidadanía dos problemas ambientais derivados dos residuos que producen, e iso poderá ser conseguido por medio das tarifas variábeis. Este tipo de tarifas –coñecidas xenericamente coma «pagamento por unidade» ou especificamente en inglés coma “pay-as-you-throw” (PAYT) existen dende hai décadas en países da Europa Central (Alemaña, Austria, Chequia, Suíza, etc.) e teñen demostrado en xeral un claro efecto de redución daquela fracción indiferenciada dos residuos urbanos (a fracción “Resto”), ao tempo que aumentan as diferentes fraccións da recolla selectiva.

Non son claras as razóns que explican o éxito (ou fracaso) deste tipo de tarifas, nin en que medida poden incidir no medio ambiente as súas consecuencias. Para dar resposta a estas cuestións, o investigador empregou a metodoloxía de Análise de Ciclo de Vida (ACV) para estudar os resultados prácticos obtidos nunha das localizacións experimentais, correspondente a un barrio específico da cidade portuguesa de Aveiro.

Álvaro na súa tese, fixo uso da ACV para modelar os efectos derivados da mudanza de comportamento da xente como resultado da adopción da nova tarifa. Esta pretensión obrigou a asociar unha técnica de análise ambiental como é a ACV cunha análise sociolóxica dos comportamentos desta poboación. Esta análise foi realizada desenvolvendo un Modelo Baseado en Axentes, que permitiu simular a reacción da comunidade á nova situación. Esta ligazón entre dúas metodoloxías analíticas de ámbitos diferentes é novidosa na análise da xestión de residuos e abre un novo campo de posibilidades para novos traballos na materia.

Os resultados da simulación amosan que a medida que os prezos a pagar na tarifa do lixo aumentan según a cantidade, máis habitantes decidiran adoptar prácticas cada vez máis sustentábeis. O resultado confirma que non é unicamente o valor pago na tarifa o factor que induce a mudanza de hábitos, senón a percepción que se ten, tanto de sometemento a un control externo, como do control interno da persoa sobre ese mesmo prezo por medio das súas accións. Outros factores demostraron ter tamén relevancia: a propia conciencia persoal no relativo á sensibilidade co medio ambiente, como a concienciación exercida pola presión social da veciñanza. O grao de compromiso da cidadanía ten o seu reflexo no resultado ambiental: cantos máis sustentábel o comportamento das persoas face ao lixo, menores son os impactos ambientais que este xera. Porén, esta melloría é limitada: a medida que o aumento do prezo da tarifa se incrementa, máis difícil se torna reducir aínda máis o impacto ambiental dos residuos, dado que a marxe de melloría disponíbel vai sendo cada vez menor.

Contenedores de residuos do proxecto LIFE PAYT en Aveiro
Share This