A Noite Europea das Persoas Investigadoras é un evento de divulgación científica que se celebra de forma simultánea en cidades de toda Europa o último venres de setembro. O persoal investigador é o protagonista, amosando a diversidade da ciencia e a tecnoloxía e o seu impacto na vida da cidadanía.
A USC toma parte, xunto con UVigo e UDC, no consorcio que impulsa a G-Night ou Noite Galega das Persoas Investigadoras baixo o lema ‘Conciencias creativas’.
CRETUS xunto con outros centros e institutos de investigación da USC ocuparán o rol central da G-Night Santiaguesa. As actividades terán lugar o 30 de setembro de 18:00 a 21:00h no Claustro de Fonseca.
Hoxe en día as tecnoloxías ambientais poden garantir a calidade da auga e dos solos. As innovacións deben ir encamiñadas á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable, e impulsar accións como o consumo responsable e a implantación de estratexias de recuperación de recursos. Nestes talleres veremos exemplos de como se pode acadar un medio ambiente mais saudable.
BIOGROUP
- Métodos de oxidación avanzada con nanopartículas magnéticas
A demostración empregará como método representativo dos métodos de oxidación avanzada un sistema foto-Fenton, simulando, con tintes, a eliminación de microcontaminantes en augas empregando nanopartículas con propiedades magnéticas.
- Produción de biopolímeros a partir de residuos grasos
Farase unha demostración sinxela de cómo un reactor para trata auga residual permite a recuperación de bioplásticos. Amosaranse as diferentes etapas do proceso mediante mostras reais, dende o inóculo inicial ata o produto final, para dar unha visión xeral do proceso de formación de biopolímeros.
- Cálculo da pegada de carbono e hídrica dos alimentos
Os asistentes poderán avaliar o impacto ambiental das súas dietas de consumo alimentario e facer unha comparación coas emisións de CO2 equivalentes, amosando unha analoxía coa pegada de carbono do uso do coche como medio de transporte.
EQUIFASE
- Uso de disolventes eutécticos para a recuperación de coláxeno dos residuos de peixe
Amosaranse as propiedades singulares dos disolventes eutécticos, evidenciando como ao combinarse dous compoñentes sólidos, dan como resultado unha mestura líquida. Despois amosaranse as diferentes etapas do proceso de extracción de coláxeno e, finalmente, haberá unha demostración en directo da precipitación do coláxeno.
AMBIOSOL
- Solo e Medio Ambiente
Realizarase unha actividade práctica para ensinar aos participantes que é o solo e cales son as súas principais funcións ecolóxicas, para demostrar a importancia do solo na conservación do medio ambiente e os riscos xerados pola súa contaminación.