A clasificación de substancias e mesturas revísase e corríxese continuamente na Unión Europea para reflectir as adaptacións ao progreso técnico e científico. O formaldehído foi reclasificado en 2015 como unha substancia cunha categoría canceríxena máis alta, recibindo as Frases de Perigo H350, pode provocar cancro, e o H341, sospeitoso de provocar defectos xenéticos. Por conseguinte, todas as industrias contempladas na Directiva Europea sobre as emisións industriais deberán substituir, na medida do posible, o formaldehído por substancias menos perigosas. Ademais, se non poden evitarse as súas emisións, debe respectarse un valor límite de emisións significativamente máis estrito nos seus focos de emisión.

Un dos sectores industriais afectados pola reclasificación do formaldehído é a industria do automóbil, e en particular as operacións de pintado de vehículos debido á presenza de resinas de melamina na composición das pinturas. A tese de doutoramento levada a cabo por Daniel Granadero Rey, con título “Defining the most eco-efficient vehicle paint shop in view of formaldehyde emissions performance”, e dirixida polos profesores Francisco Omil Prieto e Gumersindo Feijoo Costa, pretende avaliar o impacto de dita reclasificación nas plantas de pintado de vehículos dende un punto de vista medioambiental, económico e de cumprimento legal.

O proxecto de investigación de esta tese de doutoramento, para a cal foi outorgada a mención de Doutoramento Industrial pola USC, xorde dun convenio de colaboración establecido entre a empresa fabricante de vehículos Opel, con sede en Alemaña, e o Centro Singular CRETUS, e pon de manifesto a importancia dunha estreita colaboración entre as empresas e o sector académico na búsqueda de respostas a problemas concretos. No marco desta tese de Doutoramento Industrial levouse a cabo un estudo detallado en diferentes plantas de produción de vehículos, incluíndo a avaliación do cumprimento do valor límite legal de emisión aplicable mediante medicións das concentracións de formaldehído nas chemineas dos procesos de pintado afectados, unha avaliación das posibilidades para reducir ou eliminar as emisións de formaldehído, incluíndo a substitución de materias primas e a instalación de equipos de redución de gases residuais, e un estudo económico das diferentes posibilidades. Como pasos esenciais deste traballo, realizouse unha análise de ciclo de vida do proceso de pintado nunha planta real de pintura de vehículos e unha análise de ecoeficiencia das diferentes alternativas para reducir as emisións de formaldehído. Os resultados e coñecementos recolleitos nesta investigación permitiron presentar unha proposta sobre a planta de pintura de vehículos máis ecoeficiente considerando o impacto das emisións de formaldehído que finalmente foi aplicado en diversas factorías do grupo automobilistico.

Share This