Esta mañá presentáronse os 9 proxectos aprobados na convocatoria Ignicia Proof of Concept 2023, entre os que se atopa PRETENACC, o único da Universidade de Santiago que lidera CRETUS. Este acto contou coa participación da directora da #axenciaGAIN, Patricia Argerey Vilar, e da directora da Fundación Barrié, Carmen Arias.
O proxecto PRETENACC, liderado pola catedrática de Enxeñaría Química e investigadora principal do CRETUS, Anuska Mosquera, xunto con outras dous investigadoras de CRETUS, a profesora titular Ángeles Val e a investigadora posdoutoral Alba Pedrouso, ten como obxectivo desenvolver unha biotecnoloxía para producir biopolímeros (polihidroxialcanoatos, PHA) considerados bioplásticos, con propiedades similares aos plásticos de orixe petroquímica, pero biodegradables, procedentes de residuos graxos e utilizando cultivos microbianos mixtos.
Esta cuarta edición da convocatoria é na que máis proxectos se aprobaron, 9 en total, dos cales 6 pretenden chegar ao mercado mediante a creación dunha spin-off, mentres que os 3 restantes propoñen a concesión de licenzas á industria da súa tecnoloxía.
9 PROXECTOS:
– #ECOFROST_B da Universidade da Coruña
– #EdgeContinuum e 🌊 – #MytUniSex da Universidade de Vigo
– #PRETENACC da Universidade de Santiago de Compostela
– #GOTIS_II polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela
– #TARGET-OA da FUNDACIÓN PROFESOR NOVOA SANTOS
– #INTEX do CTAG – Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia
– #ItDP E 🩹- #ACE de Gradiant
Os nove proxectos foron seleccionados o pasado xullo e durante setembro e outubro foron asesorados para madurar os plans de negocio e superar os requisitos da auditoría legal para garantir que o coñecemento sexa explotable e protexible. Coa resolución favorable da comisión de investimentos, os proxectos contarán coas achegas económicas necesarias para iniciar actuacións agora a principios de 2024.