Un dos 9 proxectos da convocatoria Marie Sklodowska Curie (MSCA) Postdoutoral Fellowships 2023 concedida á Universidade de Santiago de Compostela, corresponde a CRETUS. Trátase da proposta REVELSEA (Operationalizing relational values for a more equitable marine conservation) de Natali Lazzari, que obtivo 100 puntos na avaliación final. A investigadora incorporarase ao equipo dirixido polo investigador de CRETUS Sebastián Villasante, Investigador Distinguido Oportunius da Xunta de Galicia e coordinador do proxecto ERC EqualSea.
A bolsa MSCA na modalidade Global permitirá á investigadora posdoutoral Natali Lazzari a mobilidade internacional e o desenvolvemento da súa carreira investigadora cun financiamento de ata 36 meses. Durante este período, Natali desenvolverá o proxecto REVELSEA que proporcionará un novidoso enfoque teórico e evidencia empírica para cuantificar, predicir e integrar, na conservación mariña, as diversas formas en que as persoas expresan por que valoran a súa relación coa natureza (valores relacionais) nos sistemas costeiros.
Con este éxito acadado, CRETUS reforza o seu programa de captación de talento, un dos seus principais obxectivos dentro do seu Plan Estratéxico e contribúe ao extraordinario resultado acadado pola USC nesta convocatoria que a sitúa, despois da Universidade de Granada, na segunda universidade pública española con maior éxito nesta convocatoria.
Noticias relacionadas: A USC impulsa a súa política no eido da investigación coa captación de recursos humanos en convocatorias de I+D+i | Universidade de Santiago de Compostela