O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, acompañados polo Reitor e a Vicerreitora de Política Científica da USC visitaron hoxe o Centro CRETUS no marco das visitas conxuntas que están a realizar aos centros de investigación da Rede CIGUS.

O obxectivo desta visita, á que tamén acudiu Irene Bonome, subdirectora de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, e Mercedes Vázquez, xefa del servizo de Planificación e Estruturación da Investigación da Xunta, foi presentar a estratexia de futuro que vai seguir o centro tras a súa incorporación á Rede de Centros de Investigación de Excelencia de Galicia e polo que percibe da Xunta de Galicia preto de 1.6 millóns de euros.

Na primeira parte da visita, a directora científica de CRETUS, Maite Moreira, deu a coñecer as capacidades do centro en canto a infraestruturas e equipamento así como os proxectos que se están a desenvolver en base ás tres prioridades marcadas: Auga segura, Solos saudables e Cidades e industrias sostibles.

Ademais, abordáronse as estratexias na transferencia de tecnoloxía a través da presentación de dous casos de éxito que lidera a investigadora Anuska Mosquera e as vías de colaboración previstas entre o CESGA e CRETUS, presentado da man do investigador e profesor da USC Vicente Pérez Muñuzuri.

Posteriormente fixeron un recorrido polas instalacións, onde puideron coñecer de primeira man o traballo que desenvolven os investigadores que están no centro, como é o caso dos 2 proxectos ERC liderados polo investigador Sebastián Villasante (EqualSea) e a investigadora Ramón y Cajal, Olalla López Costas.

Share This