O Salón de Actos da Facultade de Medicina (USC) acollerá o vindeiro 8 de novembro ás 17:30 a xornada de divulgación “Radón en Galicia”. Trátase dunha iniciativa dirixida á cidadanía que busca resolver todas as dúbidas sobre a presenza do gas radon en Galicia e os seus efectos sobre a saúde. A xornada será impartida polos investigadores de CRETUS do Laboratorio de Radon de Galicia, que ademais de atender todas as inquietudes sobre este tema, darán a coñecer os últimos avances que levan a cabo na súa investigación sobre a detección deste gas. Como agasallo, 20 persoas elixidas por sorteo poderán obter un detector de radon para facer a medición na casa.
Completa o programa a proxección dunha curta titulada “Teño niveis altos de radon na casa, agora que?” no que participaron veciños de Teo, Compostela e Salceda de Caselas.
Previa a xornada que conta co finanzamento do Consello Social da USC, hai habilitado un formulario https://forms.office.com/e/H0ub3xzj8K no que deixar calquera dúbida sobre o radon para darlle resposta durante a xornada.
O radon é un gas radioactivo carcinoxénico incoloro, inodoro e insípido que procede da descomposición do uranio presente na codia terrestre. Despois do tabaco, é a segunda causa de cancro de pulmón. En Galicia o 7% das defuncións por cancro de pulmón débense a exposición de radon interior no fogar. Cando os niveis de radon no fogar ou no traballo superan os 300 Bq/m3 habería que actuar para diminuir a concentración de radon.
O Laboratorio de Radón en Galicia – USC) ten en curso a creación do mapa de radon en Galicia. O seu obxectivo é mellorar a caracterización da exposición a radon en áreas pequenas en Galicia, neste caso a nivel de sección censual e mesmo por parroquias. O obxectivo é ter un número mínimo de medicións por cada área pequena que permitan ir ao detalle da concentración de radon.