As investigadoras de CRETUS, Cristina Gómez-Román e Sara González García, gañadoras en dúas áreas dos “Premios RAGC–UIE para investigadoras e investigadores XOVES”, recibiron este mércores 22 de xaneiro o recoñecemento as súas traxectorias científicas nunha ceremonia celebrada no Centro Obra Social ABANCA en Santiago de Compostela.

Este premio pon en valor a investigación científica que se fai en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias máis brillantes da mocidade investigadora en diferentes categorías. Deste xeito, foi na área de Ciencias Sociais onde Cristina Gómez-Román, investigadora do departamento Psicoloxía social, Básica e Metodoloxía, resultou gañadora polo seu labor no ámbito da psicoloxía política, acción colectiva, o comportamento en contextos de crises sociais e políticas, así como a percepción social de problemas ambientais . Cristina agradeceu recibir este premio e suliñou que “este logro non é só meu, é un recoñecemento colectivo, reflexo do apoio do grupo COSOYPA (Comportamiento Social y Psicometría Aplicada), do Centro CRETUS da USC, e de moitas outras persoas e oportunidades que recibín ao longo do camiño”.

Pola outra banda, a investigadora Sara González, recibiu o premio accesit da área das Ciencias Técnicas. As súa investigación inclúen a economía circular, o estudo das pegadas ambientais e a análise da sustentabilidade; empregando a metodoloxía da análise do ciclo de vida (ACV) en sistemas industriais, agroalimentarios, urbanos e forestais; Sara recibe este recoñecemento como un impulso para seguir traballando por unha ciencia de excelencia e para o desenvolvemento sustentable.

Nesta primeira edición dos premios RAGC-UIE concorreron 63 candidaturas, das cales 24 foron investigadores e 39 investigadoras, e o xurado resolveu recoñecer o traballo de sete mulleres: Beatriz Pelaz – CiQUS, Belen Riveiro – CINTECX, Ariadna Monje -UDC , Susana Ladra-CITIC, Iria Gomez – CIMUS e Cristina Gómez e Sara González de CRETUS.

Share This