O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá un acto de recoñecemento á excelencia científica dos centros de investigación daRede CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia). O acto, ao que asistiu unha significativa representación dos centros das 3 universidades públicas galegas, tivo lugar no Museo Centro Gaiás de Santiago de Compostela. O presidente Rueda destacou a importancia da Rede como referente da excelencia científica en Galicia e agradeceu a súa contribución á construción “dunha Galicia potente e de calidade”.

Durante o acto, os directores e directoras dos 10 centros da Rede realizaron un discurso de agradecemento, destacando a calidade da ciencia desenvolvida en Galicia e a importancia de seguir contando con este apoio económico para seguir avanzando. A directora de CRETUS destacou a excelencia do persoal investigador do centro, varios dos cales figuran entre o 2% máis citados a nivel mundial e que son o reflexo da súa produción científica de gran calidade. Así mesmo, manifestou o gran impacto que terá no centro a achega económica da Xunta de Galicia, que está cofinanciada con Fondos Europeos (Feder Galicia 2021-2027).

CRETUS incorporouse á rede CIGUS en abril de 2024 tras unha longa traxectoria e fíxoo como a única centrada exclusivamente no coidado do medio ambiente no marco dunha economía circular.

Share This