O Máster Universitario en Enxeñaría Ambiental (MEnA) da Universidade de Santiago de Compostela acaba de renovar a Mención de Excelencia da Xunta de Galicia para o período 2025/26 – 2029/30, consolidándose como un referente na formación avanzada en sustentabilidade e medio ambiente.
Coordinado polo profesor Francisco Omil, foi unha das tres primeiras titulacións do Sistema Universitario Galego en obter esta distinción na convocatoria inaugural de 2020, e agora convértese tamén en pioneira ao conseguir a súa renovación.
A renovación da mención foi posible grazas á presentación dun informe detallado ante a Xunta, no que se recolleron as accións e investimentos realizados nos últimos cinco cursos académicos. Este recoñecemento reforza o compromiso do máster coa calidade docente e investigadora, avalado por un equipo de alto nivel, no que o 53 % do profesorado pertence ao centro de investigación CRETUS.
Este non é o único posgrao da ETSE coordinado por un IP de CRETUS que recibe esta mención, xa que no 2024 o Máster en Enxeñaría Química e Bioprocesos, que coordina o IP Héctor Rodríguez, tamén logrou esta distinción.
Parabéns!




