O Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) celebrou o pasado venres 18 de xullo os seus dez anos de traxectoria na vangarda da investigación ambiental cun acto institucional no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ao que asistiron máis de 100 persoas procedentes do ámbito académico, científico e empresarial do sector ambiental.
Durante estes dez anos, CRETUS consolidouse como un referente en proxectos de impacto global centrados na biodiversidade, a rexeneración do solo e a auga, e o desenvolvemento de tecnoloxías ambientais punteiras. Este aniversario serviu tamén como escenario para anunciar a incorporación do centro á Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego (Rede CIGUS), un recoñecemento á calidade, ao impacto e á excelencia da súa labor investigadora e que conta coa cofinanciación de Fondos Europeos.
O evento contou coa presenza de destacadas autoridades, entre elas o Reitor da USC, Antonio López; o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a Directora Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Mª José Echevarría; e a Alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, así como con representantes do sector empresarial e da comunidade investigadora galega.
No transcurso da xornada, o coordinador científico de CRETUS, Juan M. Lema, repasou a evolución do centro desde a súa fundación ata o seu actual status como centro singular. A directora científica, Maite Moreira, expuxo o estado actual da institución, detallando a súa estrutura organizativa, as principais liñas de investigación activas e os proxectos máis relevantes, así como a intensa actividade científica, colaborativa e de transferencia de coñecemento. Subliñou, ademais, o papel clave de CRETUS na promoción de solucións sostibles para facer fronte aos retos ambientais presentes e futuros.
O acto incluiu tamén as intervencións de membros dos comités científico e empresarial de CRETUS e das autoridades convidadas, así como a proxección dun vídeo conmemorativo que destacou a traxectoria do centro e reafirmou o seu compromiso coa sustentabilidade ambiental e a colaboración entre a ciencia, a administración, o tecido empresarial e a sociedade.





