O Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC abre un proceso de vinculación dirixido a persoal docente e investigador (PDI) permanente da USC interesado en formar parte do Centro como Investigador/a Principal (IP).
As persoas solicitantes deben demostrar excelencia e competencia científica recoñecida a nivel internacional, liderado en proxectos de investigación a nivel nacional e internacional, así como un impacto científico e/ou tecnolóxico significativo. Ademais, deben amosar que a súa actividade investigadora está aliñada coa estratexia e axenda de investigación do CRETUS.
A avaliación basearase na análise de indicadores agrupados en catro grandes criterios: Excelencia, Contribucións, Liderado e Recoñecemento, valorando a actividade desenvolvida no período 2019–2024.
As persoas interesadas deben presentar unha expresión de interese (modelo dispoñible no documento da convocatoria) e un CVA resumido dos últimos 10 anos, salientando os datos do período 2019–2024.
Segundo a normativa da USC, só se permite a vinculación a un único Centro ou Instituto de Investigación. Polo tanto, non se admitirán solicitudes de PDI con compromiso de vinculación vixente con outro centro ou instituto cunha permanencia superior a un ano.
A documentación deberá enviarse por correo electrónico a cretus.rrhh@usc.es ata o 25 de setembro de 2025.
Se a túa investigación está aliñada coa axenda de CRETUS e consideras que formar parte dun equipo multidisciplinar pode contribuír ao teu desenvolvemento profesional, anímate a participar neste proceso, agardámoste!
Documentos: Convocatoria Afiliación de Investigadores Principales a CRETUS




