O Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela súmase un ano máis á xornada de portas abertas Ciencia Singular, que se celebrará o vindeiro sábado 8 de novembro no marco da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC.

Ao longo de todo o día, o centro ofrecerá un amplo programa de conferencias temáticas, charlas de divulgación e obradoiros para o público adulto e infantil, combinando divulgación, participación e aprendizaxe.

A xornada comezará coa benvida da directora científica de CRETUS, Maite Moreira, e continuará cun ciclo de conferencias que abordarán distintos aspectos da crise climática desde unha perspectiva multidisciplinar:

Conferencias:

  • A biodiversidade global como obxecto de estudo e conservación, con Carola Gómez-Rodríguez.
  • Clima e incendios: interaccións lume-atmosfera e quecemento global, por Gonzalo Míguez.
  • Da degradación á restauración: estratexias innovadoras para a recuperación dos solos queimados, a cargo de Juan Antelo.
  • Unha ollada desde a psicoloxía social á crise climática, con Cristina Gómez-Román.

Ademáis o público adulto poderá adentrarse nos nosos laboratorios para coñecer algúns dos proxectos de investigación e outras aplicacións prácticas da ciencia ambiental. c

Charlas de divulgación cun compoñente participativo:

  • Cando os ósos falan: arqueoloxía e textos antigos entre a vida e a morte.
  • PFAS: contaminantes para toda a vida?
  • Microalgas e bacterias, un equipo natural para tratar as augas residuais.
  • Deseña a túa propia Biorrefinería. Un xogo de construción.
  • Valorizando a riqueza oculta nos refugallos agroalimentarios.
  • Bacterias con estilo: tecnoloxía sostible para a reciclaxe textil.

Paralelamente, o público máis novo (de 6 a 12 anos) poderá atender os obradoiros de ciencia que combinarán experimentación, xogo e conciencia ambiental:

Obradoiros de ciencia público infantil

  • Antropóloga/o por un día
  • Aventura microscópica: as cores do bosque
  • Elabora o teu propio tecnosol
  • Fotocatalizadores ao rescate da auga
  • Entre xogos e microplásticos: os segredos dos parques e campos de fútbol
  • Explorando paisaxes naturais mediante realidade virtual
  • Como podemos aproveitar as bacterias da natureza?

A actividade de CRETUS en Ciencia Singular 2025 forma parte da programación conxunta da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC —que tamén integran CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE—, centros que contan co recoñecemento da Rede CIGUS da Xunta de Galicia e o cofinanciamento da Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.

As visitas e actividades son de acceso libre previa inscrición, que poderá realizarse desde o mércores 29 de outubro ás 16.00 horas a través da web oficial de Ciencia Singular (cienciasingular.usc.gal)

Share This