O sector alimentario destaca polo seu elevado consumo de auga e pola xeración de grandes volumes de efluentes ricos en compostos con potencial de recuperación ou transformación en produtos de valor engadido. En Galicia, esta realidade cobra unha relevancia especial nos sectores lácteo e conserveiro, dous piares da economía galega que se presentan como escenarios ideais para aplicar estratexias de valorización de recursos no marco da economía circular.

Neste contexto, a investigadora Tamara Casero traballou na valorización dos efluentes xerados por estas dúas industrias (láctea e conserveira de peixe) para a produción de ácidos graxos volátiles mediante fermentación anaerobia, unha alternativa que permite transformar os residuos en recursos de valor engadido.

A súa investigación combinou probas piloto a escala de laboratorio e preindustrial, analizando diferentes parámetros operativos e condicións de proceso para optimizar a produción e comprender o comportamento do proceso con estas correntes complexas. Ademais, levou a cabo unha avaliación económica que confirmou a viabilidade do tratamento de efluentes lácteos mediante esta tecnoloxía, cun maior potencial cando se aplica en modelos centralizados que agrupen os efluentes producidos en distintas instalacións de Galicia. Estes resultados proporcionan unha base técnica e económica sólida para impulsar futuras iniciativas de valorización na industria alimentaria.

Este traballo de investigación foi desenvolvido no marco da colaboración entre o Centro Tecnolóxico da Auga, CETAQUA Galicia, e CRETUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC), baixo a dirección da Dra. Celia M. Castro-Barros (Cetaqua) e dos IPs Marta Carballa e Miguel Mauricio (USC).

Share This