Un equipo multidisciplinar liderado por dúas investigadoras de CRETUS, Almudena Hospido e Gemma Eibes, en estreita colaboración co persoal investigador do CIQUS, arrancan estes días o NextPET: Unha proposta do CRETUS seleccionada polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades que busca transformar o modelo actual de xestión dun dos residuos plásticos máis xerados a nivel mundial.

A xestión de residuos converteuse nun dos grandes desafíos ambientais a nivel mundial, cun impacto especialmente crítico no caso dos plásticos. Cada ano xéranse millóns de toneladas deste material e soamente unha fracción recíclase de forma efectiva. A necesidade de sistemas máis eficientes, sustentables e innovadores para tratar e valorizar os residuos plásticos, como o PET, faise cada vez máis urxente.

O obxectivo do NextPET é validar e escalar un proceso innovador de bio-upcycling que permite degradar encimaticamente os residuos de bandexas de PET posconsumo mediante o emprego dun encima encapsulado de alta eficiencia, e posteriormente converter os monómeros resultantes a polihidroxialcanoatos (PHA), uns bioplásticos biodegradables con alto valor engadido. Ademais, co emprego de ferramentas cuantitativas como a análise do ciclo de vida prospectivo (pLCA) e a avaliación do fluxo de materiais (MFA) van estudar en profundidade a viabilidade do proceso a escala rexional e nacional e apoiar o seu papel como catalizador do cambio na transición cara a unha economía circular.

Este novo proxecto ofrece unha alternativa verde e escalable á reciclaxe química ou mecánica tradicional contribuíndo no avance cara solucións científicas e tecnolóxicas para este crecente desafío ambiental. Os seus resultados serán clave para orientar as políticas públicas, apoiar a toma de decisións na industria da reciclaxe e promover a adopción de tecnoloxías emerxentes para a valorización sostible do PET.

Novos proxectos do Plan Nacional

Co NextPET, xa son catro as propostas de CRETUS seleccionadas polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, na convocatoria 2024 de axudas «Proyectos de Generación de Conocimiento» centradas en desenvolver estratexias innovadoras de economía circular, abordar retos fundamentais da biodiversidade e afrontar problemas ambientais emerxentes. Isto supón unha captación de fondos para o Centro de máis de 800000€.

Nuevos proyectos del PN para afrontar retos clave en biodiversidad, contaminación ambiental y economía circular | Cretus

Share This