O Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) foi galardoado co Premio de Ciencias Técnicas na segunda edición dos Premios de Investigación Fundación Barrié–Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) pola súa investigación innovadora sobre a extracción sostible de xelatina de alta calidade a partir de peles de peixe.
Este premio recoñece o traballo presentado pola investigadora de CRETUS Cristina Gallego, membro do grupo coordinado pola investigadora principal Ana Mª Soto, no que propón un proceso máis sostible para valorizar subprodutos da industria pesqueira mediante o uso de solventes eutécticos. A metodoloxía desenvolvida substitúe os tratamentos químicos convencionais por un proceso máis respectuoso co medio ambiente, mellorando tanto o rendemento de extracción como as propiedades finais da xelatina. O traballo demostra o potencial desta tecnoloxía para a súa aplicación nos sectores alimentario, farmacéutico e cosmético, así como a súa contribución á economía circular e á valorización de residuos da industria pesqueira.
Este recoñecemento reforza o papel de CRETUS como referente na investigación aplicada e innovadora, totalmente aliñado cos principios actuais de sostibilidade e economía circular.

Outros galardóns
Nesta segunda edición dos premios, que se entregarán o 28 de xaneiro no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, tamén foron recoñecidos outros proxectos punteiros en diferentes áreas de coñecemento, como unha nova diana terapéutica para o cancro na categoría de Ciencias Básicas (un proxecto liderado por María Dolores Mayán, do CINBIO da Universidade de Vigo) e solucións sostibles para a entrega de última milla no comercio electrónico na categoría de Ciencias Sociais (por Iria González da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo). En total, sete equipos de investigación gallegos foron recoñecidos (cun premio ou mención honorífica) nesta edición.
Noticias:
Sete equipos galegos, galardoados cos “Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC” | ragc




