A USC sobresae na quinta edición do programa de Doutoramentos Industriais da Xunta de Galicia, cun total de sete estudantes seleccionados, dous deles pertencentes ao Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). A aposta por esta iniciativa reflicte o compromiso do Centro coa transferencia de coñecemento e a innovación aplicada ao tecido produtivo galego.
Pablo Rodeiro é un dos investigadores de CRETUS que realizará a súa tese baixo a dirección da IP Patricia Sanmartín e o investigador Miguel Serrano, en colaboración con Vimbio Corp, empresa fabricante de solucións tecnolóxicas. O proxecto, cun acrónimo LightControlPlant, busca investigar e validar solucións lumínicas sostibles e intelixentes para controlar a colonización por plantas vasculares en bens patrimoniais. Esta investigación permitirá a xeración de tecnoloxía patentable e reforzará a I+D+i de Vimbio Corp no deseño de luminarias avanzadas orientadas á conservación de estruturas e monumentos.
Por outra banda, Marta Pereira levará a cabo o seu doutoramento en colaboración con Cetaqua Galicia, centro tecnolóxico de referencia na xestión da auga. A súa tese, titulada “Modelos avanzados de evaluación y compensación ambiental en el ciclo urbano del agua”, baixo a dirección da IP Sara González (CRETUS) e do Dr. Pedro Villanueva (Cetaqua), céntrase na mellora da avaliación dos impactos ambientais asociados á xestión do ciclo urbano da auga, contribuíndo ao desenvolvemento de ferramentas avanzadas para unha xestión máis sostible deste recurso esencial.
Con estes proxectos, CRETUS reforza a transferencia de coñecemento entre universidade e empresa, vinculando a investigación académica coa resolución de retos reais do sector produtivo.




