Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia (11F), CRETUS abriu as súas portas para recibir ao alumnado do IES de Sar nunha xornada dedicada á divulgación científica e á promoción da igualdade. Durante a visita, as investigadoras do centro guiaron ao estudantado nun percorrido interdisciplinar que permitiu coñecer de primeira man o labor investigador que se desenvolve en CRETUS, así como o papel das mulleres neste ámbito.

O alumnado tivo a oportunidade de achegarse a proxectos de excelencia financiados polo Consello Europeo de Investigación (ERC), como PollutedPast, que busca comprender como a contaminación por metais afectou á vida das persoas e o ambiente no pasado a través do estudo de ósos humanos, rexistros polínicos, textos e solos. E o Equalsea, que traballa en transformacións socioeconómicas cara a océanos máis xustos e sostibles e mellorar a vida das persoas e comunidades locais.

A xornada incluíu tamén actividades prácticas e participativas, como a experimentación con videoxogos educativos sobre lixo mariño, a reflexión arredor da problemática da contaminación por plásticos e microplásticos, e a aproximación a aplicacións biotecnolóxicas no ámbito da biorrefinaría para a obtención de novos materiais e produtos de alto valor engadido.

Desde CRETUS agradécese a participación, curiosidade e interese amosados polo alumnado, agardando que esta experiencia contribúa a espertar novas vocacións científicas e a reforzar a idea de que a ciencia se constrúe desde a multidisciplinariedade, a igualdade e o compromiso social.

Exposición “Ciencia x Mulleres”

No marco do 11F, CRETUS tamén está a participar na exposición “Ciencia X Mulleres”, impulsado pola facultade de Bioloxía (USC) que poderá visitarse do 9 ao 28 de febreiro de 2026 nos corredores da propia Facultade.

O centro está representado con catro pósters de investigación liderados por mulleres, e forman parte dunha mostra destinada a visibilizar o traballo científico desenvolvido por investigadoras da Facultade de Bioloxía.

Charlas e Conferencias

Ademáis a IP Carola Gómez impartirá “La biodiversidad global como objeto de estudio y conservación” como oradora no II Congreso Investigadoras ODS en el IES Lope de Vega da Comunidade de Madrid. Por outra banda, Patricia Sanmartín (RyC) impartirá “Empirical solutions to biodeterioration based on observation:the truth is out there” no Conservation-Restoration of Cultural Heritage webinar. As investigadoras Cristina Gómez e Andrea Correa participan no coloquio “Existir, resistir e transformar” organizada na Facultade de Psicoloxía (USC)

Con estas accións, CRETUS reafirma o seu compromiso coa igualdade de xénero na ciencia, coa divulgación do coñecemento e coa promoción de referentes femininos que contribúan a construír unha investigación máis diversa, inclusiva e socialmente comprometida.

Share This