A convocatoria 2025 Marie Skłodowska-Curie Postdoctoral Fellowships (MSCA-PF) volveu situarse entre as máis competitivas do panorama europeo, con 17.066 propostas presentadas e unha taxa de éxito do 9,6%. Estes datos reflicten a elevada esixencia científica dun programa clave para a atracción e formación de talento investigador internacional. Reino Unido (21,6%) e España (11,3%) lideran o número de proxectos aprobados nunha edición marcada por cifras récord de participación.

Neste contexto de máxima competencia, a Universidade de Santiago de Compostela obtivo 8 proxectos financiados, tres deles presentados por CRETUS. Este resultado non só consolida á USC como a terceira universidade española en número de axudas concedidas —por detrás da Universitat Pompeu Fabra (12) e da Universitat de Barcelona (10)— senón que confirma o crecemento sostido de CRETUS na captación de financiación europea altamente competitiva.

As tres propostas de CRETUS concedidas abranguen ámbitos estratéxicos como a gobernanza ambiental, a saúde pública e a sustentabilidade costeira:

  • PLURIVISION (Indigenous Knowledge and Pluriversal Foresight for Global Sustainability Governance), liderado por Fronika de Wit baixo a supervisión de Sebastián Villasante, analizará como o coñecemento indíxena e a prospectiva poden contribuír a unha gobernanza da sustentabilidade máis xusta e inclusiva, situando as visións indíxenas no centro dos debates globais sobre biodiversidade e resiliencia climática.
  • AlphaLymph (Integrated Assessment of Indoor Radon and Hazardous Air Pollutants in Non-Hodgkin Lymphoma), desenvolvido por Lucía Rodríguez Loureiro baixo a supervisión de Alberto Ruano Raviña, investigará a relación entre a exposición a radón interior e o linfoma non Hodgkin en Galicia mediante o primeiro estudo caso-control con medicións individuais nunha zona de alto risco, incorporando ademais biomonitorización e novas metodoloxías para avaliar contaminantes atmosféricos.
  • TIDES (Traditional & Indigenous Knowledge for Decolonizing Environmental Stewardship), liderado por Navya Vikraman Nair e tamén supervisado por Sebastián Villasante, desenvolverá novos marcos de gobernanza para ecosistemas de carbono azul, integrando diagnóstico ecolóxico, valoración de servizos ecosistémicos e coñecementos indíxenas e locais, con estudos de caso en Galicia e Wakatobi.

A concesión destas tres axudas Marie Curie reforza o posicionamento internacional de CRETUS como centro de referencia en investigación interdisciplinar orientada aos grandes retos ambientais e sociais. Nun escenario europeo cada vez máis selectivo, o centro consolida a súa capacidade para atraer talento investigador de excelencia e para competir con éxito en programas de financiación de máximo nivel.

Máis info: A USC, terceira universidade do Estado en obtención de axudas posdoutorais Marie-Sklodowska Curie | Universidade de Santiago de Compostela

Share This