A investigación desenvolvida en CRETUS pola bióloga Zoe Chaos supón un avance na detección e eliminación da contaminación por lindano (HCH), un pesticida altamente tóxico e persistente prohibido en 2009 pero aínda presente en numerosos solos europeos. O traballo combinou monitorización ambiental e ensaios experimentais para analizar a persistencia a longo prazo do HCH en solos contaminados, especialmente na zona de O Porriño, así como para desenvolver novas estratexias de detección e remediación. Entre os avances destaca o uso de musgos como biomonitores eficaces e a identificación de especies vexetais acumuladoras máis axeitadas para técnicas de biomonitorización activa.

Os resultados confirman que o HCH pode permanecer activo durante décadas e dispersarse polo aire sendo adsorbido por especies arbóreas como Quercus robur que actúan como bioindicadores pasivos da contaminación, polo que é preciso reforzar a necesidade de sistemas de vixilancia continuada. No ámbito da descontaminación, a investigación valida tres vías prometedoras: a mobilización do contaminante para a súa eliminación, a inmobilización mediante enmendas orgánicas (como compost e biocarbón) para reducir riscos, e a oxidación electroquímica, que acadou taxas de degradación superiores ao 90%.

Este traballo pon de manifesto a importancia da monitorización continuada en zonas afectadas historicamente por este tipo de contaminantes e achega ferramentas que contribúen a unha xestión máis sostible, aliñada cos obxectivos europeos de restauración e protección do solo.

A investigación levada a cabo no centro singular CRETUS, baixo a dirección da IP Carmela Monterroso do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, enmárcase no proxecto EvaLind, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (PID2019 107879RB 100) e pola Unión Europea a través de fondos FEDER. Ademais, a autora realizou unha estadía de investigación financiada polo programa de mobilidade de CRETUS na Luleå Tekniska Universitet (Suecia) baixo a coordinación do Prof. Iván Carabante, experto en remediación de solos contaminados. O traballo desenvolveuse nun contexto interdisciplinar, coa colaboración de outras investigadoras de CRETUS — entre elas as catedráticas de enxeñeira química Ana Soto e de química analítica Carmen García Jares e a investigadora posdoutoral María Celeiro.

Share This