CRETUS vén de conceder un total de 12 axudas de mobilidade internacional, distribuídas en 7 para persoal investigador predoutoral e 5 para posdoutoral, co obxectivo de apoiar o desenvolvemento profesional do seu persoal investigador e reforzar o compromiso do Centro coa internacionalización do talento científico novo.
No caso das axudas predoutorais, as sete persoas beneficiarias realizarán as súas estadías en institucións e centros de investigación recoñecidos polo seu liderado en ámbitos como a sustentabilidade, a enxeñaría ambiental ou a bioeconomía, localizados en Alemaña (Leibniz Institute of Agricultural Development in Transition Economies), Países Baixos (Institute of Environmental Sciences da Leiden University), Suecia (Luleå University of Technology e KTH Royal Institute of Technology Stockholm), Italia (Università degli Studi di Milano e Institute of Bioeconomy – National Research Council) e Portugal (Universidade de Lisboa). Estes destinos permitirán ás persoas investigadoras predoutorais acceder a novas metodoloxías, establecer redes internacionais e potenciar o impacto das súas investigacións.
Pola súa banda, o programa de bolsas de mobilidade internacional para persoal posdoutoral, dirixido a investigadores/as en etapas intermedias da súa carreira científica, concedeu cinco estadías en centros de excelencia internacional. Os destinos inclúen institucións que destacan pola súa investigación en áreas como a arqueoloxía, a enxeñaría ambiental ou a biotecnoloxía situadas en Suecia (Archaeological Research Laboratory da Stockholm University e o Department of Civil, Environmental and Natural Resources Engineering da Luleå University of Technology), Grecia (Institute of Molecular Biology and Biotechnology da Foundation for Research and Technology Hellas e o Laboratory of Biological Anthropology da Democritus University of Thrace) e Francia (Université de Reims Champagne-Ardenne).




