O Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC dá un salto estratéxico no seu desenvolvemento científico ao incorporar por primeira vez talento senior internacional a través do programa ATRAE. A chegada do Dr. Nicholas Márquez-Grant, experto de recoñecido prestixio en arqueoloxía e antropoloxía forense, supón un fito na traxectoria do centro e reforza o seu posicionamento como referente en investigación interdisciplinar con proxección global.

Esta incorporación supón tamén un logro para a USC, que obtivo unha das 37 axudas concedidas a nivel estatal nesta convocatoria. No conxunto de Galicia súmanse outras tres axudas, correspondentes á Universidade de Vigo, á Universidade da Coruña e ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Un referente internacional en antropoloxía forense

Cunha sólida traxectoria internacional, o Dr. Márquez-Grant incorpórase desde a súa posición como Profesor Titular na Universidade de Cranfield (Reino Unido), unha institución de referencia en arqueoloxía e antropoloxía forense. É licenciado en arqueoloxía pola Universidade de York, máster en antropoloxía física pola Universidade de Sheffield e doutor pola Universidade de Oxford, onde actualmente é investigador asociado. Ademais, é presidente da Asociación Británica de Antropoloxía Forense.

Ao longo da súa carreira traballou en distintos países europeos e en laboratorios de criminalística no Reino Unido, colaborando coas forzas de seguridade en casos de mortes accidentais, homicidios e contextos bélicos. Especialista en restos humanos e cunha carreira arqueolóxica centrada tamén no período púnico en Ibiza, conta con máis de 100 publicacións científicas, ampla experiencia docente en universidades europeas e dirixiu máis de 20 teses de doutoramento.

Unha incorporación estratéxica para CRETUS

A chegada de Márquez-Grant ao laboratorio PollutedPast de CRETUS que coordina a IP Olalla López Costas, permitirá crear e liderar unha nova liña de investigación en antropoloxía forense, ampliando as capacidades actuais do centro en Bioarqueoloxía. Este avance reforza o carácter interdisciplinar de CRETUS ao integrar o estudo de restos humanos coa análise ambiental, xerando un enfoque diferencial con aplicacións científicas e forenses reais.

Con esta incorporación, CRETUS sitúase entre os centros capaces de conectar a investigación ambiental coa antropoloxía forense aplicada, abrindo novas oportunidades de colaboración e transferencia de coñecemento.

Impacto científico, social e humanitario

O traballo do investigador contribuirá a mellorar os procesos de procura, localización, documentación e recuperación de restos humanos, así como a perfeccionar algúns dos métodos actuais de identificación e o apoio a procesos xudiciais mediante a análise forense.

Estas liñas de traballo reforzan o impacto social de CRETUS, achegando a súa investigación a ámbitos como a xustiza, a investigación criminal e as intervencións humanitarias. Así mesmo, impulsarán a divulgación científica neste campo, especialmente entre a mocidade.

Cunha ampla rede internacional de colaboradores e experiencia en misións humanitarias e casos de gran relevancia, a súa chegada reforza a proxección internacional de CRETUS e favorece a conexión entre a investigación ambiental e as aplicacións forenses reais.

Capacidade de atracción de talento

A incorporación de Márquez-Grant a través do programa ATRAE, impulsado pola Axencia Estatal de Investigación, supón un fito para CRETUS ao incorporar por primeira vez un investigador senior mediante esta convocatoria. Este avance, xunto coa chegada este ano de tres investigadoras do programa Marie Skłodowska-Curie Postdoctoral Fellowships, reforza a capacidade de CRETUS, centro da Rede CIGUS cofinanciado pola Unión Europea (Galicia FEDER 2021–2027) para atraer talento investigador de excelencia internacional e consolidar un ecosistema científico competitivo e en crecemento.

Share This