Gumersindo Feijoo Costa, novo director científico de CRETUS, ingresou como académico numerario da sección de Ciencias Técnicas da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) nun acto celebrado onte, 20 de maio, no compostelán Pazo de San Roque. O catedrático de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela pronunciou o seu discurso de ingreso baixo o título “Do dato ao impacto: marco científico da sustentabilidade”, no que reivindicou o papel da ciencia e das ferramentas de avaliación ambiental para avanzar cara a modelos de desenvolvemento máis sostibles e responsables.

Durante a súa intervención incidiu na importancia de desenvolver indicadores e metodoloxías fiables que permitan avaliar os impactos ambientais, económicos e sociais das actividades humanas, e que constitúen a base para unha toma de decisións máis informada e responsable. O seu discurso abordou tamén aplicacións concretas destas ferramentas en ámbitos como a xestión da auga, a mobilidade sostible, a economía circular ou os sistemas alimentarios.

Desde CRETUS celebramos este recoñecemento á traxectoria científica de Gumersindo Feijoo, pioneiro na investigación en sustentabilidade ambiental en Galicia e impulsor de metodoloxías innovadoras aplicadas á análise de produtos e procesos. A súa contribución consolidou a Santiago de Compostela como un referente internacional neste ámbito, promovendo ademais a transferencia de coñecemento e a conexión entre ciencia, sociedade e sustentabilidade.

O acto contou coa asistencia de numerosas autoridades académicas, científicas e institucionais, entre elas o presidente da RAGC, Juan M Lema; a conselleira do Mar, Marta Villaverde; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a reitora da USC, Rosa Crujeiras; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ademais doutros representantes do sistema científico e universitario galego, así como compañeiras e compañeiros de CRETUS e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.

Share This