O Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago de Compostela, abre unha nova convocatoria de bolsas de verán para a iniciación á investigación dirixidas a alumnado de máster de alto nivel interesados en desenvolver prácticas formativas vinculadas a proxectos científicos no ámbito das tecnoloxías ambientais.

A convocatoria contempla un mínimo de 20 bolsas, das que polo menos cinco estarán reservadas para estudantes do Máster Universitario en Enxeñaría Ambiental (MENA). As estadías desenvolveranse durante un mes completo nos meses de xullo, setembro ou outubro de 2026, cunha dedicación de 25 horas semanais.

As bolsas teñen como obxectivo fomentar o talento investigador e achegar ao alumnado á actividade científica desenvolvida en CRETUS, centro singular da USC integrado na Rede CIGUS. As persoas beneficiarias traballarán baixo a supervisión do persoal investigador principal asignado e adquirirán coñecementos e destrezas na área temática do proxecto de investigación, participando tamén nas actividades científicas do centro singular.

Requisitos de participación

A convocatoria está dirixida a estudantes matriculados no curso 2025/2026 en másteres oficiais relacionados coas áreas de actividade do centro que se recollen no ANEXO I, entre os que figuran os másteres en Enxeñaría Ambiental, Biotecnoloxía, Física, Química, Saúde Pública, Acuicultura, Bioloxía Mariña, Biodiversidade, Psicoloxía (ámbito social), Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade ou Enerxías Renovables, entre outros.

Procedemento de asignación do plan de traballo

As persoas candidatas da bolsa CRETUS terán asignado un plan de investigación nunha das áreas de investigación do centro singular, baixo a supervisión dun/a investigador/a principal. Para proceder á asignación existen dúas opcións:

Entregar a carta de motivación asinada pola persoa titora do traballo. Neste caso débese acordar previamente co/o titor/a o plan de investigación que se vai a realizar no marco dalgunha das áreas de investigación que se están desenvolvendo en CRETUS.

Alternativamente pódese entregar a carta de motivación sen asinar, sendo o centro quen asigna unha persoa titora en función das preferencias marcadas na Táboa 1 do ANEXO II, onde se poden marcar ata 2 opcións.

Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse a través da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela (https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/BolsasVeranCRETUS2026.htm) no prazo de sete días hábiles desde a publicación da convocatoria no Taboleiro Electrónico da Universidade (do 28 de maio ao 5 de xuño).

Descarga a convocatoria co acceso ao formulario de solicitude

Descarga o Anexo II

Share This