O Centro Cultural Maruxa e Coralia de Santiago de Compostela acollerá durante o mes de xuño a exposición divulgativa “Antigüidade Tóxica. Nacer e morrer nun mundo contaminado”, centrada no mundo antigo e na contaminación por metais, abordando aspectos relacionados co nacemento e a maternidade, a infancia e as prácticas funerarias nas sociedades do pasado.

A iniciativa, organizada por investigadoras e investigadores de CRETUS, enmárcase nas investigacións desenvolvidas dentro do proxecto ERC Consolidator Grant PollutedPast (EcoPast – CRETUS), dedicado ao estudo do impacto dos metais nas sociedades antigas e das súas consecuencias sociais e ambientais.

A mostra, distribuída entre o salón de actos e o xardín exterior do centro cultural, contará con reproducións de pezas arqueolóxicas e coa recreación dun enterramento antigo. A través destes recursos, o público poderá achegarse de maneira visual, didáctica e accesible a distintos aspectos da vida e da morte na Antigüidade.

A exposición está dirixida tanto a público especializado —persoal investigador, docente e alumnado universitario e de ensino secundario— como a persoas interesadas na historia e na arqueoloxía sen formación específica nestas áreas. Polo seu carácter interdisciplinar e aberto, constitúe unha proposta cultural orixinal e dinámica, pensada para achegar os estudos sobre o pasado ao público xeral dun modo sinxelo, estimulante e accesible.

Así mesmo, a actividade busca divulgar os resultados do traballo desenvolvido en CRETUS no marco de PollutedPast, favorecendo o diálogo e a comunicación entre o ámbito universitario e investigador e a sociedade.

📅 Mes de xuño

📌 Centro Cultural Maruxa e Coralia. Praza de Salvador Parga 4, Santiago de Compostela

Share This