O investigador Matías Rivadulla Cora centrou a súa tese doutoral no desenvolvemento e avaliación de sistemas innovadores para mellorar a eliminación de contaminantes emerxentes das augas residuais urbanas, concretamente, compostos farmacéuticos e xenes de resistencia antimicrobiana. O traballo aborda tanto sistemas centralizados de depuración como novas estratexias descentralizadas orientadas á reutilización segura da auga e á redución do impacto ambiental destes contaminantes. A tese foi dirixida polos investigadores de CRETUS do departamento de enxeñaría química, os catedráticos Juan Manuel Garrido Fernández e Francisco Omil Prieto, e desenvolveuse no centro singular CRETUS, dentro do grupo de Biotecnoloxía Ambiental (BioGroup).
A crecente presenza de contaminantes emerxentes nas augas residuais , entre eles, antibióticos, analxésicos, hormonas ou xenes de resistencia antimicrobiana, converteuse nun dos principais retos ambientais e sanitarios a nivel global. A Unión Europea reforzou recentemente as esixencias sobre o tratamento das augas residuais urbanas e a reutilización segura da auga, impulsando o desenvolvemento de novas tecnoloxías capaces de mellorar a eliminación destes contaminantes e minimizar o seu impacto ambiental.
Esta foi precisamente a liña de traballo da tese: avaliar e desenvolver novas estratexias de tratamento capaces de mellorar a eliminación de contaminantes emerxentes nas augas residuais urbanas, abordando o seu comportamento tanto en sistemas centralizados de depuración como en configuracións descentralizadas baseadas na separación de augas negras e grises. Para iso, o traballo combinou estudos en depuradoras reais de Galicia con experimentación a escala piloto na EDAR de Silvouta, para sistemas centralizados, e no Centro de Negocios de Porto do Molle (Nigrán) para a configuración descentralizada. Ademáis desenvolvéronse ensaios mecanísticos en laboratorio, empregando sistemas biolóxicos avanzados con membranas, procesos anaerobios e tecnoloxías de intensificación como carbón activado e bioaumentación microbiana para mellorar a calidade da auga depurada sen necesidade de grandes gastos de infraestrutura. Este enfoque permitiu analizar en condicións reais de operación o comportamento de compostos farmacéuticos, bacterias resistentes e outros contaminantes así como avaliar o potencial de novas configuracións orientadas á reutilización segura da auga.
Os resultados da investigación demostraron que os sistemas biolóxicos avanzados poden mellorar significativamente a eliminación de contaminantes emerxentes presentes nas augas residuais urbanas. A tese constatou que determinadas configuracións innovadoras permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos, como certos antibióticos, ademais de reducir de forma notable a presenza de bacterias resistentes e xenes asociados á resistencia antimicrobiana. O traballo tamén confirmou o potencial dos sistemas descentralizados baseados na separación de augas negras e grises para adaptar os tratamentos ás características de cada corrente e favorecer unha reutilización máis segura da auga. Asi mesmo, o uso de estratexias de intensificación, como o uso de carbón activado ou comunidades microbianas especializadas, mostrouse eficaz para mellorar o rendemento dos procesos convencionais e reducir o impacto ambiental asociado á descarga destes contaminantes no medio natural. Estas estratexias foron demostradas en condicións reais, o que achega o seu desenvolvemento un paso adiante cara a comercialización.
A investigación desenvolveuse en CRETUS, centro da Rede CIGUS cofinanciado pola Unión Europea (Galicia FEDER 2021-2027), no marco dos proxectos PRESAGE (ERA-NET AquaticPollutants) e ANTARES (Axencia Estatal de Investigación), centrados no estudo de contaminantes emerxentes e novas estratexias para a protección dos recursos hídricos. Ademais, parte dos sistemas descentralizados avaliados na tese desenvolvéronse coa colaboración da empresa FCC Aqualia, favorecendo a transferencia de coñecemento e a aplicación práctica das tecnoloxías estudadas.
Os resultados desta investigación deron lugar a varias publicacións científicas en revistas internacionais de alto impacto no ámbito da enxeñaría ambiental e o tratamento de augas, entre elas Science of the Total Environment, Journal of Hazardous Materials e Journal of Environmental Management. O traballo tamén permitiu colaborar con centros de investigación e entidades internacionais, ademais de contribuír ao desenvolvemento e validación de tecnoloxías aplicables en condicións reais de operación, reforzando a conexión entre investigación científica e transferencia ao sector da auga. A tese recibiu a cualificación de sobresaliente cum laude.





