O proxecto PROVULNER-AXUDA, do investigador Ramón y Cajal de CRETUS Andrei Quintiá e do profesor da área de Dereito Administrativo da USC Beltrán Puentes, busca avanzar no deseño de solucións innovadoras para construír unha administración dixital máis proactiva na atención ás persoas en situación de vulnerabilidade.
O seu potencial en materia de transferencia de coñecemento á sociedade e o grao de innovación da proposta, entre outros aspectos, fixeron que a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE), lle outorgase a mellor valoración na convocatoria de Estímulo á Transferencia en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas 2026. A iniciativa acadou 90 puntos sobre 100 e obtivo o financiamento total solicitado, por un importe de 9.832,40 euros.
Un proxecto piloto co Concello de Santiago
Como primeira experiencia de aplicación real, PROVULNER-AXUDA desenvolverá un proxecto piloto en colaboración co Departamento de Servizos Sociais do Concello de Santiago de Compostela. A iniciativa busca transformar o modelo tradicional de acceso ás axudas sociais por outro máis sinxelo e accesible, no que a Administración poida actuar de forma máis proactiva na identificación das persoas beneficiarias.
Transferencia de coñecemento con impacto social
PROVULNER-AXUDA constitúe un exemplo de transferencia efectiva de resultados de investigación orientada á mellora dos servizos públicos. A iniciativa dá continuidade a unha liña de traballo desenvolvida polos investigadores de CRETUS dentro do grupo de investigación Armela, que coordina a IP Alba Nogueira.




