Os investigadores de CRETUS Anxo Méndez Villar, Cristina Gallego Rodríguez e Juan Iglesias Riobó foron distinguidos nos Premios Ícarus 2026 da Universidade de Santiago de Compostela (USC) polo potencial innovador, viabilidade e capacidade de transferencia das súas teses doutorais. Este triplo recoñecemento evidencia a calidade da investigación desenvolvida en CRETUS e o seu compromiso coa xeración de coñecemento científico orientado á transferencia e ao desenvolvemento de solucións sostibles con impacto ambiental, económico e social.

A entrega dos galardóns celebrouse este luns no Colexio de Fonseca, nun acto no que se recoñeceron as teses de doutoramento e os traballos de fin de grao e de mestrado con maior viabilidade técnica, económica e capacidade para xerar solucións innovadoras para a sociedade.

Na categoría de teses de doutoramento, Anxo Méndez Villar obtivo o primeiro premio na área de Ciencias Experimentais pola súa investigación A holistic evaluation of an efficient and environmentally-sound public lighting system to control biological colonisation on architectural heritage, dirixida pola investigadora principal (IP) Patricia Sanmartín, centrada no desenvolvemento de sistemas de iluminación pública máis eficientes e respectuosos coa conservación do patrimonio arquitectónico.

Pola súa banda, Cristina Gallego Rodríguez recibiu o primeiro premio na área de Enxeñaría e Arquitectura pola tese Valorisation of fish skin using eutectic solvents, dirixida polos investigadores principais (IP) Ana Soto e Héctor Rodríguez. O traballo propón novas estratexias para valorizar subprodutos da industria pesqueira mediante o emprego de disolventes eutécticos, contribuíndo ao desenvolvemento de solucións baseadas na economía circular.

Así mesmo, Juan Iglesias Riobó foi distinguido co segundo premio na área de Enxeñaría e Arquitectura pola súa investigación Short and medium chain carboxylate production from lignocellulosic biomass, dirixida polos investigadores principais (IP) Marta Carballa e Miguel Mauricio. A tese céntrase na produción de carboxilatos de cadea curta e media a partir de biomasa lignocelulósica como alternativa sostible para a industria química.

Os Premios Ícarus, impulsados pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC co apoio da Xunta de Galicia, recoñecen investigacións cun elevado potencial de transferencia ao tecido produtivo e á sociedade, valorando aspectos como a innovación, a viabilidade técnica e comercial e a súa capacidade para dar resposta aos retos actuais.

Parabéns a Anxo, Cristina e Juan por este importante logro.

Foto dos premiados
Share This