Reducir a dependencia do petróleo e atopar novos usos para os residuos é un dos grandes desafíos ambientais actuais. Entre eles destacan os aceites de cociña usados, un residuo xerado diariamente en fogares, restaurantes e na industria alimentaria que, cando non se xestiona correctamente, provoca problemas ambientais pero tamén representa un recurso con gran potencial para a produción de combustibles renovables e materiais sostibles.

Neste contexto, Brais Vázquez Vázquez desenvolveu en CRETUS un traballo de investigación no que analizou diferentes alternativas para valorizar estes residuos dentro do marco da economía circular. Baixo a dirección de Almudena Hospido Quintana e Ángeles Val del Río, a investigación comparou distintas rutas de aproveitamento, desde a produción de biodiésel e enerxía ata a fabricación de bioplásticos biodegradables, empregando ferramentas de análise ambiental e económica para avaliar o impacto destas tecnoloxías ao longo de todo o seu ciclo de vida.

Os resultados amosan que non existe unha única solución óptima para a valorización dos aceites de cociña usados, xa que cada alternativa presenta vantaxes e limitacións. Con todo, o estudo identifica os bioplásticos como unha opción especialmente prometedora a longo prazo, ao contribuír a reducir a dependencia de materiais de orixe fósil e favorecer unha xestión máis sostible do carbono, sempre que se optimicen os procesos de produción e o tratamento destes materiais ao final da súa vida útil.

Share This