O aceite de cociña usado é un residuo amplamente producido, tanto na industria alimentaria como nos propios fogares, pero difícil de xestionar. Ao mesmo tempo, as elevadas cantidades de residuos plásticos que se xeran supoñen un problema medioambiental a nivel global. Abordar ambos problemas mediante a valorización do aceite de cociña usado para producir bioplásticos é o obxectivo dunha investigación desenvolvida no Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC.

A tese de doutoramento de Carlota Ucha, dirixida polas investigadoras  do centro, Anuska Mosquera e Ángeles Val, do departamento de enxeñaría química (USC), estudou o desenvolvemento e avaliación dun bioproceso integrado para a valorización do aceite de cociña usado destinado á produción de PHA (polímeros de orixe biolóxica e biodegradables) a través dun cultivo bacteriano seleccionado.

A directiva europea do ano 2018 fixa os prazos para a recollida selectiva obrigatoria do aceite de cociña usado e establece estritas regulacións para as empresas sobre o seu tratamento. En España, esta recollida separada é obrigatoria desde 2024. Este marco fai do aceite de cociña usado un residuo axeitado para valorizar, xa que a súa calidade e orixe están correctamente controladas.

Con estas premisas e co obxectivo de abordar dous problemas ambientais, a investigadora traballou con diferentes reactores biolóxicos no que as bacterias se alimentaban do aceite de cociña usado e sintetizaban PHA. Estudáronse diferentes configuracións e condicións para o proceso así como outras partes do proceso de produción, tanto a escala laboratorio como a escala piloto. Este traballo de investigación demostra a posibilidade de valorizar un residuo con unha xestión difícil e darlle unha nova función coa que reducir outro residuo como son os plásticos.

A investigación desenvolveuse en CRETUS, centro da rede CIGUS co financiado con fondos europeos, no marco do proxecto nacional Ecopolyver (PID2020-112550RB-C21, financiado por MICIU/AEI /10.13039/501100011033), no que participa como socio o Instituto del Agua da Universidade de Granada.

Carlota Ucha no laboratorio onde desenvolveu a parte experimental
Share This