A Universidade de Santiago de Compostela (USC) sitúase na franxa 151–200 a nivel mundial en Environmental Science & Engineering, segundo a última edición do Global Ranking of Academic Subjects de ShanghaiRanking. Con este resultado, a USC sitúase entre as tres universidades españolas mellor posicionadas nesta disciplina, xunto coa Universitat de Barcelona (UB) e a Universitat Autònoma de Barcelona (UAB).
Esta posición pon de manifesto a fortaleza e a proxección internacional da investigación desenvolvida na USC no ámbito da ciencia e da enxeñaría ambiental, e adquire unha especial relevancia para CRETUS, Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais, pola súa especialización neste ámbito científico e tecnolóxico.
O recoñecemento resulta especialmente significativo pola orientación do ranking de Shanghai, que avalía as universidades a partir de indicadores relacionados coa actividade, a calidade e o impacto da súa investigación. Entre eles inclúense a produción científica de excelencia, a repercusión das publicacións, a presenza de investigadores de referencia e a colaboración internacional.
O resultado reforza así a visibilidade internacional da investigación ambiental da USC e pon en valor a contribución das súas estruturas de investigación, entre elas CRETUS, ao desenvolvemento de coñecemento e solucións tecnolóxicas para afrontar os retos ambientais actuais.




