Sebastián Villasante recibe a Medalla de investigación Domingo García-Sabell Rivas da Real Academia Galega de Ciencias, en recoñecemento á súa traxectoria científica e á súa contribución para converter Galicia nun referente internacional no estudo da economía dos océanos e da sustentabilidade mariña.
O profesor de Economía Aplicada da USC e investigador de CRETUS, Sebastián Villasante, impulsou unha área de investigación pioneira que aborda os grandes desafíos ambientais desde unha perspectiva interdisciplinar. O seu traballo demostra que retos como o cambio climático, a perda de biodiversidade ou a inseguridade alimentaria non poden comprenderse nin resolverse sen ter en conta tamén as dimensións económicas, sociais e institucionais que condicionan o acceso e o uso dos recursos mariños.
As rías galegas e as comunidades pesqueiras locais son o seu principal escenario de investigación. Desde aquí, estuda os impactos socioeconómicos do cambio climático, a vulnerabilidade dos territorios costeiros e os procesos de transformación sostible das economías mariñas.
Un traballo con impacto máis alá de Galicia: os seus estudos contribúen á análise da resiliencia das zonas costeiras na Unión Europea e á toma de decisións para o deseño de áreas mariñas protexidas máis efectivas, tanto desde o punto de vista ambiental como socioeconómico.
A súa traxectoria está tamén avalada polo seu recoñecemento como Investigador Distinguido Oportunius e pola coordinación do proxecto ERC EqualSea – Transformative adaptation towards ocean equity, centrado en avanzar cara a unha adaptación transformadora ao cambio climático que teña en conta a equidade nos océanos.
As Medallas de Investigación da RAGC recoñecen este ano tamén a Rosa Crujeiras, pola súa contribución á transferencia da investigación matemática á industria; Mabel Loza, polo desenvolvemento de novos medicamentos; Francisco Rivadulla, pola súa investigación en novos materiais para a conversión de enerxía; e Leandro Alejano, pola súa traxectoria científica.
Cinco traxectorias que poñen en valor a ciencia feita en Galicia e con vocación de transformar a sociedade.
Parabéns, Sebastián, por este merecido recoñecemento!




