Un equipo liderado polos investigadores de CRETUS Alberto Ruano Raviña e Cristina Candal Pedreira, da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, vén de presentar na illa de La Palma os principais resultados do proxecto ASHES (Analysis of Exposure and Respiratory Health Effects of Volcanic Eruption in the Canary Islands), unha investigación centrada no impacto da erupción do volcán Tajogaite sobre a saúde respiratoria da poboación.

O proxecto, financiado pola Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR) cunha dotación de 300.000 euros, foi deseñado e iniciado inmediatamente despois da erupción de 2021. Trátase do maior estudo realizado en España sobre o impacto dunha erupción volcánica na saúde respiratoria da poboación, tanto polo número de participantes e parámetros avaliados como polo seu período de seguimento, previsto inicialmente en cinco anos.

Un seguimento amplo da poboación afectada

A erupción do volcán Tajogaite, na illa de La Palma, entre setembro e decembro de 2021, expuxo durante 85 días a miles de persoas a cinzas volcánicas, dióxido de xofre e outros contaminantes atmosféricos. Unha das principais características do estudo é que analizou os efectos da exposición en diferentes grupos de poboación incluíndo adultos, nenos e nenas, persoas con enfermidades respiratorias previas, persoas con acceso á zona de exclusión pero tamén participantes non expostos. Ao longo do estudo realizáronse probas completas da función respiratoria, escalas de calidade de vida e recollida de mostras biolóxicas.

Principais resultados

Os resultados obtidos ata o momento apuntan á aparición de nova patoloxía respiratoria nalgunhas persoas, non reversible, que nos nenos expostos hai máis persistencia de sintomatoloxía, e que o efecto é maior se estes nenos teñen outras exposicións previas, como ó fume de tabaco de segunda man. Hai tamén un impacto importante no consumo de recursos sanitarios, incluíndo consultas a urxencias e maior consumo de ansiolíticos, particularmente nas mulleres. O estudo tamén puxo de manifesto un aumento nos niveis de interleukinas inflamatorias.

Este traballo deu lugar ata o momento á publicación de oito artigos científicos en revistas internacionais, así como a comunicacións en congresos nacionais e internacionais e a diferentes recoñecementos científicos. Entre eles destaca o premio ao mellor artigo científico de 2025 concedido pola Sociedade Española de Epidemioloxía.

Un estudo aínda en marcha

O proxecto ASHES continúa aberto e o seguimento das persoas participantes segue en marcha. Os investigadores de CRETUS da USC sinalan que a continuidade deste estudo permitirá coñecer mellor a evolución a medio e longo prazo dos efectos da exposición á erupción do Tajogaite e contribuír a mellorar a resposta sanitaria ante futuros episodios volcánicos.

Os resultados do proxecto foron presentados hoxe 22 de setembro no Hospital Universitario de La Palma polos investigadores principais e por outros membros do equipo participante na investigación como David de La Rosa, presidente de SEPAR e outros investigadores da sociedade científica.

O proxecto ASHES enmárcase, ademais, na actividade do grupo ESPASS, Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia, liderado polo profesor Alberto Ruano Raviña e con sede na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

Alberto Ruano na presentación dos resultados do proxecto no Hospital Universitario de La Palma
Alberto Ruano (CRETUS -USC) IP del proyecto con David Díaz Pérez (Hospital Universitario Nuestra Señora de Candelaria) coordinador del trabajo de campo del proyecto, presentando los resultados durante el último congreso SEPAR (Junio 2026)

Sobre el proyecto: proyecto ASHES | SEPAR

Noticias destacadas: Un estudio pionero muestra las secuelas respiratorias del volcán de La Palma, cinco años después: “Estornudábamos negro” | Salud y bienestar | EL PAÍS

El SCS realiza seguimiento sobre los efectos del volcán Tajogaite a más de mil personas dentro del estudio de la Sociedad Española de Neumología y Cirugía Torácica

Share This