O xogo didáctico Come San, Come Sostible, desenvolvido na Universidade de Santiago de Compostela por investigadores de CRETUS e do grupo Esculca, inicia unha nova etapa coa súa comercialización en castelán por parte de McGraw Hill. A nova edición en castelán permitirá ampliar o alcance e facilitar a súa incorporación aos centros educativos de todo o territorio para traballar na aula o consumo responsable, a saúde e a sustentabilidade.
A proposta foi desenvolvida conxuntamente polos grupos de Biotecnoloxía Ambiental (BioGroup) do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e ESCULCA (Coñecemento e Acción Educativa) da Facultade de Ciencias da Educación da USC, a partir da colaboración entre ambas as áreas para integrar o enfoque científico e ambiental coa dimensión educativa e pedagóxica.
Con motivo desta nova edición, o venres 25 de setembro no marco da Noite Galega das Persoas Investigadoras, celebrouse un acto de presentación na Tenda da USC, en Fonseca, presidido pola reitora da USC, Rosa Crujeiras. No encontro participaron Gumersindo Feijoo, director científico de CRETUS, e Mª Mar Lorenzo, representante do grupo de investigación Esculca, como impulsores do proxecto, xunto con Manuel Queiruga, director de Marketing de McGraw Hill, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde. Ademais, o xogo estivo tamén presente nos obradoiros de ciencia do claustro de Fonseca, cun posto aberto ás persoas participantes que queiran achegarse, xogar e coñecer a proposta da man das investigadoras Aroa Carballido e Mara Meitin (CRETUS) e os docentes Jose Eugenio Rodríguez e Jesús García (Esculca).






Come San, Come Sostible
Come San, Come Sostible é un recurso educativo deseñado para a etapa de Educación Primaria, coa finalidade de concienciar o alumnado sobre a relación entre as súas decisións alimentarias, o coidado da saúde, a protección do medio ambiente e o desenvolvemento sostible. A través do xogo, os escolares poden traballar cuestións como o consumo responsable, o desperdicio alimentario e o impacto ambiental asociado á alimentación, así como achegarse ao cálculo das pegadas hídrica e de carbono.
A orixe da iniciativa sitúase nun traballo publicado en 2020 na revista Education for Chemical Engineers polos investigadores de CRETUS do grupo de Biotecnoloxía Ambiental, Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira, centrado en fomentar a concienciación ambiental arredor do consumo responsable de alimentos e da redución do desperdicio alimentario.
A partir desta experiencia, CRETUS e o grupo de investigación Esculca, da Facultade de Ciencias da Educación, colaboraron na creación e adaptación do recurso para Educación Primaria. CRETUS asumiu a conceptualización e o deseño dos elementos científicos do xogo, mentres que Esculca desenvolveu a súa adaptación pedagóxica e a guía didáctica.
Novas relacionadas: Sale al mercado ‘Come san, come sostible’, el juego educativo desarrollado por CRETUS y la Facultad de Ciencias de la Educación | Cretus




