A Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acollerá, do 13 ao 16 de outubro, a celebración conxunta da 4th European Sample Preparation Conference (EuSP2026) e da 3rd Green and Sustainable Analytical Chemistry Conference (GSAC2026). Os dous encontros internacionais centraranse nos últimos avances na preparación de mostras e na química analítica verde e sustentable.
A organización de ambos os encontros está impulsada polo Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC e liderada pola catedrática de Química Analítica e investigadora principal María Llompart, como Chair, e pola investigadora posdoutoral María Celeiro, como Co-Chair, xunto co Dr. Thierry Dagnac, Co-Chair do AGACAL-CIAM (Xunta de Galicia), e a catedrática Elia Psillakis, da Technical University of Crete, que participará como Honorary Chair.
No comité organizador tamén figuran Gerardo Álvarez, investigador Ramón y Cajal de CRETUS, e os investigadores predoutorais Ana Castiñeira e Andrés Duque, investigador predoutoral da Xunta de Galicia. O comité complétase con persoal investigador das tres universidades galegas, así como de centros de referencia como o CIAM e o INTECMAR. A organización conta ademais co apoio de máis dunha vintena de sociedades científicas nacionais e internacionais e empresas do sector.
Os congresos abordarán os últimos avances en preparación de mostras, extracción e microextracción, novos materiais, miniaturización, sensores e análise in situ, con aplicacións en ámbitos como o medio ambiente, a alimentación e a saúde. Tamén prestarán especial atención a retos emerxentes como os microplásticos e os PFAS, así como ao desenvolvemento de métodos analíticos que reduzan o consumo de recursos e a xeración de residuos e permitan avaliar o seu impacto ambiental.
O programa reunirá arredor de 300 participantes procedentes de 25 países, entre investigadores, docentes, estudantes e profesionais do sector, e contará coas conferencias plenarias de Elia Psillakis (Technical University of Crete) e Jared L. Anderson (Iowa State University, EE. UU.). O encontro ofrecerá ademais un espazo para impulsar novas colaboracións, proxectos internacionais e oportunidades para investigadores novos, así como para favorecer a transferencia de coñecemento ao sector produtivo.
A celebración conxunta destes congresos suporá tamén unha oportunidade para visibilizar a investigación desenvolvida en Galicia nos ámbitos da química analítica, as tecnoloxías ambientais e a sustentabilidade, reforzando a proxección internacional da USC e de CRETUS.





