O Claustro do Pazo de Fonseca estivo ateigado durante a celebración da G-Night 2026, nunha xornada na que a ciencia saíu dos laboratorios para achegarse á cidadanía a través de actividades participativas e experimentais. Neste marco, os obradoiros de CRETUS xiraron arredor da protección do medio mariño, a sustentabilidade, a recuperación de solos e a economía circular, achegando a investigación ao público dun xeito próximo, práctico e divertido.
A través dun xogo cooperativo, os participantes tiveron que tomar decisións para protexer unha ría e descubrir como as nosas accións inflúen no medio mariño e na sustentabilidade das actividades vinculadas á economía azul. Outros retos, inspirados nos videoxogos, permitiron abordar o problema do lixo mariño e reflexionar sobre como pequenos xestos e decisións poden contribuír á conservación dos ecosistemas mariños.
A experimentación foi tamén protagonista á hora de elaborar tecnosolos. Os participantes puideron traballar con materiais empregados na investigación e deseñar solucións fronte a problemas ambientais reais, descubrindo como a ciencia pode contribuír á recuperación e restauración de solos degradados.
A economía circular pechou o percorrido polos obradoiros, mostrando como os residuos procedentes da actividade pesqueira poden transformarse en novos materiais de valor engadido, como xelatina e bioplásticos biodegradables. Unha proposta coa que os asistentes puideron descubrir novas formas de aproveitar os recursos e o papel da investigación na procura de solucións máis sostibles.
Ademáis, no marco da presentación do xogo, en cooridinación co grupo de investigacion Esculca da facultade de ciencias da educación, organizouse un obradoiro co xogo Come San, Come Sostible.
CRETUS agradece a todas as persoas que participaron e, especialmente, ao equipo investigador polo seu compromiso coa divulgación e por compartir o seu traballo con tanta ilusión e paixón pola ciencia.










