O pasado 21 de outubro, CRETUS acolleu unha xornada centrada nas tecnoloxías avanzadas para a eliminación de microplásticos na área transfronteiriza Galicia-norte de Portugal, organizada no marco do proxecto CAPTURE.
O encontro reuniu especialistas de distintas entidades do consorcio, que compartiron avances científicos e solucións tecnolóxicas relacionadas coa presenza de microplásticos na auga, o seu impacto no medio mariño e as estratexias para o seu tratamento. A xornada combinou sesións técnicas con actividades prácticas nos laboratorios de CRETUS, dirixidas ao alumnado participante de mestrado e doutoramento de disciplinas relacionadas coa enxeñaría, o medio ambiente e a química.
CAPTURE, liderado por Cetaqua Galicia e no que CRETUS (USC) participa como socio xunto coa Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto (FEUP), Veolia, a Empresa de Águas e Energia do Município do Porto, o Centro Oceanográfico de Vigo (Instituto Español de Oceanografía, IEO-CSIC) e Viratec, promove o desenvolvemento e a implantación de tecnoloxías avanzadas para reducir a contaminación por microplásticos e contribuír á protección dos ecosistemas mariños da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal.











