A segunda edición deste congreso internacional, organizado por Elsevier e patrocinado por CRETUS, reuniu 547 participantes de 85 países en Sitges. Investigadores do centro asumiron responsabilidades na presidencia e nos comités científico e organizador, ademais de colaborar no desenvolvemento do encontro.
O Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela tivo unha destacada participación na segunda edición do Global Cleaner Production Conference (GCPC), organizado pola editorial Elsevier e celebrado do 26 ao 29 de outubro de 2026 no centro de congresos Meliá Sitges. O encontro reuniu 547 participantes procedentes de 85 países para compartir avances e debater sobre o papel da produción limpa na transformación cara a modelos produtivos máis sostibles.
A implicación do centro estendeuse a distintos ámbitos da organización. A investigadora de CRETUS, a profesora María Teresa Moreira, exerceu como presidenta principal (Main Chair) do congreso, xunto con Cecília Maria Almeida, da Universidade Paulista (Brasil); Tomás Ramos, de NOVA Lisboa (Portugal), e Yutao Wang, da Universidade de Fudan (China). Pola súa banda, o director científico de CRETUS, o profesor Gumersindo Feijoo, e os investigadores José Luis Ares e Mara Meitín formaron parte do comité científico. A doutora Sofía Estévez participou no comité organizador. Ademais, nove investigadores e investigadoras do centro colaboraron nas tarefas de apoio durante a celebración do congreso.
Ademais da súa implicación na organización, CRETUS tivo unha destacada participación científica no congreso, con sete presentacións orais e oito pósteres. Un destes últimos recibiu o premio ao mellor póster: “Towards more sustainable treatment of hospital effluents: modeling and life cycle assessment of flat-panel photocatalytic system”, presentado pola investigadora Belinda Cendán no marco do proxecto CIES.
A participación de CRETUS na organización e no desenvolvemento científico do congreso, xunto coas achegas científicas presentadas e o recoñecemento obtido, reflicte a capacidade do centro para asumir responsabilidades en encontros de gran alcance e a dimensión internacional da súa actividade.
O GCPC aborda a produción limpa como unha vía estratéxica para reducir o impacto ambiental das actividades económicas e, ao mesmo tempo, mellorar a eficiencia, impulsar a innovación e avanzar cara a modelos de economía circular. O seu programa reuniu distintas perspectivas sobre transformación industrial, descarbonización e enerxías renovables, xestión da auga e dos residuos, bioeconomía, avaliación do ciclo de vida e aplicación de tecnoloxías dixitais á sostibilidade.
Ao longo de catro xornadas, o programa combinou once conferencias plenarias a cargo de especialistas de institucións como a Academia Chinesa das Ciencias, a Universidade de California en Berkeley, a Universidade de São Paulo, a Universidade de Valladolid e o Centro Común de Investigación da Comisión Europea, con comunicacións orais, pósteres, obradoiros e paneis editoriais. Ademais, está previsto que o Journal of Cleaner Production publique un número especial con traballos seleccionados do congreso.
Esta segunda edición ampliou o alcance da primeira, celebrada en Shanghai en novembro de 2023, que contou con arredor de 300 participantes. Nesta ocasión, a presenza internacional incluíu, entre outros países, España, Italia, China, Reino Unido, Portugal e Australia, así como unha representación significativa de países latinoamericanos como Brasil, Chile, México, Colombia e Perú.
O congreso foi organizado por Elsevier e contou co patrocinio de CRETUS, centro da rede CIGUS cofinanciado pola Unión Europea a través dos fondos FEDER.












