O Nature Relationship Index (NRI) é unha iniciativa do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) que busca incorporar as relacións entre as persoas e a natureza á medición do desenvolvemento humano. O novo índice pretende ampliar os indicadores tradicionais de desenvolvemento humano, habitualmente centrados en aspectos como a economía, a saúde ou a educación, para incluír tamén como as sociedades se relacionan cos ecosistemas, os valoran e contribúen á súa conservación.
Neste contexto, Sebastián Villasante, IP de CRETUS e investigador do programa Oportunius, participará no desenvolvemento do índice cunha achega centrada nos ecosistemas mariños e costeiros. O seu traballo consistirá en desenvolver novos indicadores que permitan avaliar os vínculos entre as persoas e o océano, tendo en conta non só os recursos e beneficios que proporciona, senón tamén a súa importancia social, cultural e ambiental.
Esta dimensión permitirá incorporar aspectos como os medios de vida das comunidades costeiras, os coñecementos tradicionais vinculados ao mar, a identidade cultural, o coidado dos ecosistemas e a participación da cidadanía nas decisións sobre os recursos mariños. Trátase de reflectir a complexidade das relacións entre as sociedades e o medio mariño, así como a súa influencia no benestar humano e na sustentabilidade.
As bases científicas do Nature Relationship Index presentáronse nun artigo publicado na revista Nature en xuño de 2025, froito da colaboración internacional de especialistas de distintas disciplinas. Na actualidade, a Oficina do Informe sobre Desenvolvemento Humano do PNUD traballa no desenvolvemento do índice mediante achegas científicas e consultas a diferentes colaboradores.
Está previsto que o NRI se incorpore ao Informe sobre Desenvolvemento Humano de 2026. A contribución específica de Sebastián Villasante á dimensión mariña e costeira desenvolverase nunha fase posterior, prevista para 2027, e buscará traducir estas relacións en indicadores que permitan comprender mellor os vínculos entre as persoas e os océanos e orientar as políticas públicas.




