Unidade de Arqueoloxía e Antropoloxía Ambiental
A Unidade de Arqueoloxía e Antropoloxía Ambiental do Centro de investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais, comprende o estudo transdisciplinar das interaccións humanas coa natureza no pasado. A unidade é coñecida polo seu ambiente inter e multidisciplinar, que acolle a investigadores e investigadoras con diferentes orixes e en diversas etapas da súa carreira. A investigación desenvolvida considera con especial énfase os contextos arqueolóxicos, e abórdase mediante unha combinación de técnicas analíticas, apoiándose nun profundo coñecemento de técnicas estatísticas para a análise de datos.
O noso obxectivo común é comprender a pegada (paleo)ecolóxica e cultural dos humanos no medio ambiente, pero tamén como os cambios ambientais, promovidos ou non polas persoas, afectaron á historia da nosa especie.
A Unidade de Arqueoloxía e Antropoloxía Ambiental nace dun profundo interese dos seus integrantes por considerar a perspectiva a medio e longo prazo á hora de investigar os grandes desafíos ambientais das sociedades humanas. As tecnoloxías ambientais de CRETUS aplícanse aquí para unha mellor comprensión do pasado, presente e futuro da humanidade.
Para alcanzar este obxectivo, as interaccións pasadas entre o ser humano e o medio abórdanse desde a materialidade, abarcando principalmente, pero non só, o estudo de restos humanos, restos de animais (non humanos), restos botánicos (incluíndo pole), solo e sedimentos de contextos arqueolóxicos, así como arquivos naturais como turbeiras ou lagos. O noso enfoque combina o estudo macroscópico con técnicas microscópicas, técnicas de imaxe, análises moleculares, isotópicas e (bio)xeoquímicas.
A unidade busca crear un espazo integrador, pensado para todos, profesionais novos e seniors, axudándonos entre todos a desenvolver ideas innovadoras.
Contacto: olalla.lopez@usc.es
Materialidade estudada
Restos humanos
Na unidade estúdanse restos humanos de toda Europa, con especial interese na Península Ibérica e Fenoscandia. As análises inclúen investigacións macroscópicas, microscópicas e radiográficas de cambios normais, paleopatolóxicos e tafonómicos, así como estudos biogeoquímicos.
O obxectivo principal é reconstruír o estilo de vida humano, entre outros o estado de saúde, a contaminación, a dieta, a mobilidade e as prácticas mortuorias. Enfocado especificamente a grupos vulnerables como nenos, nenas, bebés, mulleres ou enfermos.
Restos de animais
Na unidade estúdanse animais macro e micro (non humanos). Os macromamíferos e a ictiofauna son os obxectos de estudo máis extensos neste momento, con investigacións que inclúen a relación coa contaminación, as estratexias de alimentación, a mobilidade (comercio) ou os cambios na cadea trófica. Tamén se investiga a relación cos solos, as prácticas de alimentación gandeira e o manexo dos animais en tempos prehistóricos e históricos. A información obtida sobre os animais tamén se interpreta como proxies climáticos e de paleocontaminación.
Restos botánicos
Na unidade son benvidos todo tipo de estudos relacionados con restos paleobotánicos arqueolóxicos e non arqueolóxicos. Actualmente, a Unidade de Arqueoloxía e Antropoloxía Ambiental ten unha forte vinculación coas análises polínicas, tanto en sitios arqueolóxicos como en arquivos naturais. As especialistas da unidade teñen experiencia traballando tanto con flora euroiberiana e mediterránea. O noso obxectivo é abordar o cambio de vexetación, as actividades agropastoriles, os réximes de incendios e os cambios climáticos. Os e as investigadoras da unidade tamén son expertas en análises químicas e taxonómicos da madeira.
Solos e sedimentos
Analízanse solos e sedimentos fora e dentro de sitios arqueolóxicos desde unha perspectiva morfolóxica, caracterización fisicoquímica, procesos edafogenéticos e relación coas actividades humanas. Aquí, a unidade é recoñecida internacionalmente polo estudo de arquivos naturais como turbeiras e lagos. Estúdanse turba e sedimento lacustres de todo o mundo (Europa, Brasil, Australia e mesmo a Antártida) para rastrexar cambios climáticos, tormentosidade ou paleocontaminación, entre outros.
Técnicas máis importantes
Selección de técnicas nas que as e os investigadores da Unidade teñen gran experiencia e son recoñecidos:
Composición molecular
Paleodieta
Isótopos estables de carbono, nitróxeno e xofre: utilízanse para reconstruír a paleodieta de animais e humanos, a lactación materna, as estratexias de alimentación e determinar períodos de desnutrición.
Paleomobilidade
Os isótopos estables de osíxeno, xofre e estroncio utilízanse para rastrexar individuos humanos, animais ou vexetais, locais e non locais. Tamén investigamos a mobilidade durante a infancia e a nenez.
Paleocontaminación
O mercurio e outros metais non ferrosos como o chumbo, o cobre ou o arsénico utilízanse para rastrexar a exposición antemortem e postmortem dos individuos, así como para comprender mellor os ciclos dos metais. As Mosspheres tamén se utilizan para determinar a exposición de metais. Nestes estudos considéranse a presenza de contaminantes orgánicos, debido á diaxénese e a incorporación in vivo.
Microscopía
SEM e microscopía utilízanse para analizar carbón, pole e NPP co fin de rastrexar cambios na vexetación, prácticas mortuorias, saúde humana e animal, agropastoralismo, etc.
Proteómica e lipidómica
Análise de aminoácidos e análise de lípidos utilizados para rastrexar a degradación de tecidos, diaxénese e uso de materiais arqueolóxicos como a cerámica.
Proxectos
Os nosos proxectos están mergullados en liñas de investigación de alto impacto que se abordan desde diversos ángulos. A Unidade de Arqueoloxía e Antropoloxía Ambiental acolle agora un proxecto ERC Consolidador do European Research Council no panel SH6 (pasado humano), que trata sobre a contaminación por metais no pasado. Outros proxectos inclúen a contaminación por metais relacionada cos oleiros, a fraxilidade relacionada coas pandemias, a evolución e preservación dos xacementos de arte rupestre, e a relación entre o clima e a morte.
Queres unirte a nós?
A unidade está aberta a novos investigadores e investigadoras. Para converterse nun membro da Unidade de Arqueoloxía e Antropoloxía Ambiental é necesario ser parte do Centro de investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais, CRETUS, e demostrar unha conexión da súa investigación cos obxectivos, técnicas ou materialidades da unidade declaradas neste texto. Visitarnos tamén é unha boa opción, mesmo se non formas parte da Universidade de Santiago de Compostela. A unidade recibe a un bo número de académicos visitantes cada ano. Para iso pódese contactar directamente co Centro CRETUS (cretus@usc.es) ou coa coordinadora da unidade (Olalla López Costas, olalla.lopez@usc.es). Podemos concertar unha estancia, ou unha visita para colaborar nas liñas de investigación que desenvolve a nosa unidade.
A unidade tamén promove conferencias dentro e fóra de CRETUS, polo que se desexas mostrarnos a túa investigación, contáctanos.
Centro de investigación del Sistema Universitario de Galicia (ED431G/2023/12)
Promover el desarrollo tecnológico, la innovación y una investigación de calidad