O próximo venres 3 de maio, CRETUS levará unha pequena mostra da súa investigación á “II Xornada Técnica sobre formación e futuro laboral, (in)fórmate“, unha iniciativa promovida polo Concello de Vilagarcía e que apoia a USC a través do Programa A Ponte.
Esta feira de Universidades que terá lugar no Auditorio municipal de Vilagarcía, prevé reunir a máis de 400 alumnos e alumnas de ESO, ciclos e de bacharelato. O obxectivo e dar a coñecer ó alumnado a oferta académica, os servizos e a investigación que se está a facer nas Universidades galegas e que lles sirva de orientación para o seu futuro académico.
Investigadores pre e postdoutorais de CRETUS de diferentes áreas de investigación levarán 5 obradoiros demostrativos nos que os asistentes poderán aprender e participar:
Valorización do bagazo de mazá
Os asistentes poderán ver e tocar este residuo, e terán a oportunidade de ver como se leva a cabo unha extracción convencional do bagazo con disolventes etanol/auga a tamaño matraz. Por último, amosaremos unhas botellas anaerobias onde se está a levar a cabo a fermentación ABE do hidrolizado do bagazo de mazá para obtención de biobutanol a partir da cepa Clostridium beijerinckii.
Cálculo da pegada de carbono e hídrica dos alimentos
Aprender a avaliar o impacto ambiental das dietas de consumo alimentario e facer unha comparación coas emisións de CO2 equivalentes, amosando unha analoxía coa pegada de carbono do uso do coche como medio de transporte.
Compost: de residuo a recurso
A demostración dividirase en dúas partes:
- ¿Qué é o abono? Propiedades reguladoras dos parámetros físico-químicos do compost (regulación do pH) e propiedades depurativas do compost (eliminación de colorantes).
- Microbiota presente nas pilas de compostaxe.
Medición do gas radón en tempo real e radiación natural
Con equipamento para medir a concentración de radón in situ, mostrarase aos asistentes o nivel de radón que hai no propio lugar de celebración e falaremos da perigosidade para a saúde de estar exposto a altas concentracións
Arqueoloxía ambiental
Mostraranse materiais que axuden a exemplificar o traballo que se realiza para estudar a relación entre o ser humano e o medio ambiente a longas escalas temporais. Levarase unha pequena mostra de materiais que se empregan para a elaboración e análise de mostras edafosedimentarias e o traballo con restos humanos (esqueletos).
Novas relacionadas: Si no sabes qué estudiar, esta es tu oportunidad: Vilagarcía reúne a seis universidades y a diez centros formativos en (in)fórmate (lavozdegalicia.es)