CRETUS incorpórase á Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS) e súmase aos outros 9 centros de excelencia acreditados. Segundo a resolución acordada este luns no Consello da Xunta (DOG 85), os centros: CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), CiTIUS (Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes), CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), Centro de Investigación AtlanTTic, CITIC Research UDC, CINBIO e Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) renovan a súa acreditación nesta rede de excelencia por 4 anos máis. Ademais de CRETUS, o outro centro que acada esta distinción é o CICA, Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC. Parabéns a todos os centros!
CRETUS foi a única nova incorporación da Universidade de Santiago de Compostela en acadar esta axuda, e pasa a ser o quinto Centro Singular da USC que conta con esta acreditación. Este éxito de CRETUS convirte a USC na institución que acolle a metade dos centros de excelencia de Galicia.
Dotado cun financiamento total de 1.598.666,67 para os próximos 4 anos, CRETUS dá un gran salto que lle permitirá seguir avanzando e impulsando a súa investigación para converterse nun centro de referencia internacional na xeración de coñecemento científico e solucións de vangarda ante os retos ambientais .